TIRULEQUE
Web oficial de Tiruleque, banda musical coruñesa da que formei parte dende a súa fundación ata novembro de 2021 e que nace como banda en 2002, ano no que se reuniron cinco rapaces procedentes da música tradicional e cunhas inquedanzas musicais compartidas. A partir de entón, o proxecto musical iniciouse como quinteto tradicional que mesturou as fontes da tradición da música galega - tanto a través de recollidas como recorrendo aos cancioneiros- con outras moitas influencias e procurando unha evolución que ao longo dos anos empurrou ao grupo a incorporar distintos instrumentos cos que levar máis alá esa tradición. Dese xeito, o grupo conseguiu acadar maior expresión, maiores posibilidades e un son propio que se plasma nos discos autoproducidos Tiruleque (2009), Mu!! (2013), Outro que tal baila (2018) e Tiruleque, 20 anos no camiño (2022).
Co seu repertorio, actuaron nos principais festivais de música tradicional e folk de Galicia. TIRULEQUE leva percorrido a xeografía galega e estatal, deixando constancia da calidade dos seus directos coa participación en festivais de recoñecido prestixio, como o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Pardiñas, Intercéltico do Morrazo ou Beltaine -Avilés Intercélticu, entre otros. A nivel internacional participou representando a Galicia no 41º e 49º Festival Intercéltico de Lorient. Tamén ten compartido escenario con artistas da talla de Milladoiro, Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane, Uxía, Treixadura, Xabier Díaz, Tanxugueiras ou Kepa Junkera entre outros.